Tuesday 14 de May de 2024

O Mesón do Vento acollerá esta fin de semana a XVIII Festa do lacón con grelos


Ábrese o prazo para os obradoiros de cociña infantil. Haberá artesanía, degustacións, concurso de disfraces, probas de andadura e de agility canina e encontros folclóricos. O programa acentúa o aspecto máis lúdico e festivo

O Concello de Ordes vén de facer público o programa organizado para a que será a XVIII Festa do lacón con grelos, a cal terá lugar no Mesón do Vento esta vindeira fin de semana. Concretamente será o sábado e o domingo 12 e 13 de marzo.

Nesta ocasión incluirase unha feira de artesanía na que arredor de 15 artesáns ofrecerán durante toda a fin de semana todo tipo de produtos e creacións realizadas cos máis diversos materiais. O primeiro día a partir das 12 horas terá lugar o I Encontro Folclórico, no que participarán a Agrupación Folclórico-Cultural Sementes da Arte, a Asociación Cultural Camiño Real de Poulo e o Grupo de Danzas Asociación Cultural Veciños de Leira. Xa pola tarde, a iso das 17 horas, dará comezo o desfile e o concurso de disfraces no que se repartirán máis de 1.000 € en premios. As persoas e comparsas que queiran participar deberán inscribirse ata o 10 de marzo chamando ao 981 680 002 (ext. 4).

Como é habitual o día grande será o domingo, 13 de marzo. Unha xornada que incluirá dende as 11.30 horas a proba de andadura federada galega de 2 e 4 tempos. Media hora máis tarde comezará a proba de agility canina. Como non podía ser doutro xeito tamén haberá degustación do lacón con grelos nos bares e establecementos da zona. Á par tamén terá lugar unha concentración moteira na que participarán diversos clubs da provincia.

Máis de 2.000 € en premios
Tras unha sesión vermú con música en vivo e en directo disputarase a iso das 15.30 horas a carreira de trotadores andadura. O resto de competicións iniciaranse ás 16.30, 17 e 17.30 horas, coas carreiras de trote de trotadores, andadura federada 2 tempos libre e carreira de burros. En total entregaranse máis de 2.100 € en premios. Os xinetes interesados en formar parte das probas deberán inscribirse a través da Federación Galega de Hípica, sendo requisito indispensable estar en posesión da licenza federativa e cabalar.

Por primeira vez os máis novos e novas terán o seu propio espazo nesta festa. Neste día grande de festa para eles están previstos obradoiros artesanais gratuítos ás 12 e ás 16 horas. Neles o papel e o coiro serán os materiais cos que máis se traballará. Por outra banda dende as 12 ás 14 horas e novamente dende as 16 ás 18 horas tamén poderán participar nos obradoiros de cociña, nos que aprenderán a facer filloas doces e salgadas. As prazas, limitadas a un total de 48, serán outorgadas por orde de inscrición. O prazo estará aberto ata o vindeiro día 11 no mesmo Concello e será necesario aboar unha pequena cota.

Con todo isto o Concello de Ordes pretende dar un novo pulo a esta celebración acentuando o seu carácter lúdico e gastronómico.